Monday 20 de May de 2024

Un total de 14 establecementos e empresas da cidade pasan a avaliación para obter o selo de calidade turística SICTED


Son 47 as empresas e servizos turísticos que participan no proceso para conseguir esta distinción, iniciado na Coruña en novembro

Un total de 14 empresas e establecementos turísticos da Coruña serán os primeiros en obter o selo de calidade turística SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino), unha iniciativa posta en marcha hai seis meses para o Destino A Coruña por parte do Concello, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade. Así o anunciou hoxe a Mesa de Calidade de Turismo de A Coruña, reunida por primeira vez esta mañá para analizar a evolución deste proceso, no que cada establecemento adherido ten que someterse a periodos de formación e controis para pasar as distintas fases antes de obter o selo SICTED.

Suman un total de 47 as empresas e servizos turísticos da Coruña adheridos e comprometidos a participar no proceso de asignación desta distinción de calidade. Dos 47 que se incorporaron ao proceso neste periodo inicial, 14 conseguen xa as súas avaliacións positivas e veñen de ser propostos para recibir as distincións no próximo Comité Interdestinos, previsto para o próximo día 15 de xuño en Madrid. Este comité reúnese cada seis meses (xuño e decembro).

A mesa, reunida hoxe baixo a presidencia do Concelleiro de Turismo (e primeiro tenente de alcaldesa), Juan Ignacio Borrego, valorou de xeito “moi positivo” os primeiros seis meses de desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino. (CITAA)

As empresas e servizos públicos que superaron as avaliacións e son propostos para recibir a distinción en xuño en Madrid son, na categoría de Hoteis e Apartamentos Turísticos, o Hotel Attica21 Coruña e o Hotel Riazor. Na modalidade de Museos e Centros de Interese Turístico Visitables: Centro de Interpretación e Atención ao Visitante-Oficina de Turismo; Mega Mundo Estrella Galicia; Museos Científicos Coruñeses e Torre de Hércules. No apartado de Restaurantes e Empresas de Catering consta o Restaurante Eclectic e no ámbito de Espazos para turismo e reunións: EXPOCoruña, así como A Coruña Convention Bureau na área de Convention Bureaux. En Experiencias e Talleres Turísticos aparece Pencil&Fork e en Atraque de Cruceiros e Ferries, Rubine e hijos. No capítulo de Axencias de Viaxes consta Viajes Embajador e en OPCs, Global Azaga.

Todos eles son propostos pola Mesa de Calidade de Turismo de A Coruña para recibir as distincións e placas do selo de calidade no comité en Madrid.

Xestión da calidade

O distintivo do “compromiso de calidade turística” recoñece o esforzo realizado polas empresas e os servizos turísticos participantes para cumprir con todos os requisitos establecidos na metodoloxía e acredita o compromiso de calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao servizo turístico cun plus de calidade no panorama nacional e internacional.

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado do Turismo (SETUR), co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con Servizos Turísticos de 36 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista. Turismo da Coruña sumouse como destino SICTED o 22 de novembro de 2022.